Última visita teatralizada pola Pobra da man de Serafín Marcos
Con motivo do programa O teu Xacobeo, Serafín Marcos regresa á Pobra do Caramiñal cunha nova visita teatralizada. Baixo o título A Pobra xacobea, retomarase a ruta polo exterior, percorrendo diversos lugares da vila que gardan relación co Camiño, ademais de ofrecer algunha sorpresa. Deste xeito, anticípase o Xacobeo 2021 cunha programación social e cultural que se desenvolverá en toda a xeografía galega durante 2020, impulsada pola Xunta, e que, no caso concreto do municipio, consistiu en viaxes en veleiro e visitas teatralizadas.
A actividade transcorrerá no sábado 10, a partir das 19.00 horas. Establécese como punto de encontro a Casa Mariñeira (parque do Castelo). No caso de chuvia, trasladarase ao Auditorio do Museo Valle-Inclán.
As prazas son limitadas, polo cal as persoas interesadas deben formaliza-la súa inscrición polo whatsapp no teléfono de contacto 687482835 ou polo correo electrónico turismo@apobra.gal.
Cómpre lembrar que esta cita terá lugar seguindo o protocolo e as medidas implantadas por mor da COVID-19.