A Pobra oferta unha programación cultural ampla, plural e segura nas Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán
Con motivo da vixésimo segunda edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, A Pobra do Caramiñal volverase converter nun fervedoiro cultural. O programa deste evento está composto por un amplo e plural abano de actividades para tódolos públicos que se desenvolverán dende o 16 ao 31 de outubro, incluíndo teatro, exposición, ofrenda cívica ou conferencias, entre outros. O Auditorio do Museo Valle-Inclán acolleu na mañá de onte a presentación, á cal asistiron o alcalde Xosé Lois Piñeiro; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; o secretario xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo; e o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González.
A inauguración realizarase neste venres 16 coa apertura da exposición Voces de Gesta. Tragedia pastoril no Museo Valle-Inclán. Trátase dunha reimpresión de pranchas de gravado orixinais (1911) elaboradas por Ricardo Baroja, Ángel Vivanco, Rafael Penagos, Moyá del Pino, Anselmo Miguel Nieto, Aurelio Arteta e Julio Romero de Torres. Co gallo desta mostra ábrese ao público a sala de Iconografía Contemporánea.
O apartado teatral desenvolverase no Elma. Quico Cadaval realizará no domingo 18 o monólogo Divinas Palabras. Imaxes Profanas, unha interpretación da obra de Valle-Inclán coa participación especial de Manuel Ayaso. Tatana Teatro será o encargado de poñer en escena no venres 23 unha adaptación en galego de Farsa e licenza da Raíña Castiza. 20_20. No domingo 25, Teatro del Norte levará á escena Retablo. De Valle-Inclán a Lorca. E a asociación cultural Eiradela converterá os exteriores da Torre de Bermúdez nun particular escenario para interpretar Delicias Literarias. Cadros escénicos e musicais, escolma de Un Cabecilla, Divinas Palabras e Luces de Bohemia no sábado 31. En caso de chuvia será preciso traslada-la cita ao Elma.
O eido literario e os coloquios tamén se desenvolverán no Elma. Neste senso, Xaquín del Valle-Inclán Alsina ofrecerá a conferencia La modernidad en el libro: La Reina Castiza no venres 23; mentres que Héitor Picallo presentará a publicación As Letras Galegas en Caricatura (1963-2020) no venres 30. De feito, esta última actividade tamén se adscribe á programación do Día das Letras Galegas que neste ano resultou preciso adiar en todo o territorio galego por mor da COVID-19.
Ademais, no venres 30 haberá unha ofrenda cívica onda o monumento de Valle-Inclán situado no Cantón da Leña, amenizada polo grupo de música tradicional Os Caraveiros, que se encargará tamén de realizar unha ruada por distintos espazos do municipio.
A edil Patricia Lojo indicou que se abre así o calendario cultural de outono na Pobra e que se ofrece ao público “unha programación ampla, plural e segura.” Respecto a isto último, as actividades transcorrerán seguindo as medidas implantadas por mor do coronavirus, polo que as persoas interesadas en asistir deberán formaliza-la súa reserva a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2014, en horario de 09.00 a 14.00 horas. Do mesmo xeito, anunciou que a ilustración da cartelaría deste ano foi realizada por Fausto Isorna, un artista plástico e deseñador galego.
Pola súa parte, o director do Museo Valle-Inclán pobrense, Antonio González, precisou que “nestes tempos, o coronavirus tampouco nos para aínda que nos condicione, pero o programa segue sendo extenso dentro das medidas de seguridade requiridas.”
Na súa intervención, o secretario xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo, recoñeceu o labor do Concello pobrense e do Museo Valle-Inclán, felicitándoos pola programación deste ano e un labor que cualificou como “encomiable.” O representante desta área da Xunta transmitiu a mensaxe de “cultura segura”, pois fixo fincapé en que “cando as programacións se realizan, fanse con tódalas medidas e con toda a planificación que supón por parte dos xestores para que exista un contexto absolutamente de seguridade e de que non vai haber ningún problema de saúde para os participantes.”
Finalmente, o rexedor Xosé Lois Piñeiro apuntou que a programación cultural “non debe cesar”, a pesar de que resultou necesario suspender outros eventos que eran “difíciles de controlar.” No caso concreto da programación que se presentou, engadiu que “son unhas xornadas que vemos que sempre seguen unha liña semellante cunhas pinceladas importantes de innovación”, polo cal animou a xente a asistir. Da mesma maneira, expresou o seu agradecemento a tódalas persoas e entidades que fixeron posible estas xornadas.