A Pobra despide a edición XXII das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán
Esta fin de semana transcorrerán na Pobra os últimos actos que se encadran na programación da vixésimo segunda edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán.
Así, neste venres 30 tivo lugar a ofrenda cívica onda o monumento de Valle-Inclán situado no Cantón da Leña, ás 13.00 horas, amenizada polo grupo de música tradicional Os Caraveiros, que se encargou tamén de realizar unha ruada por distintos espazos do municipio dende as 12.00 horas.
Ademais, o Elma acollerá pola tarde, ás 20.00 horas, a presentación da publicación As Letras Galegas en Caricatura (1963-2020), de Héitor Picallo. De feito, esta última actividade tamén se adscribe á programación do Día das Letras Galegas que neste ano resultou preciso adiar en todo o territorio galego por mor do coronavirus.
Finalmente, no sábado 31, a partir das 20.00 horas, a asociación cultural Eiradela converterá os exteriores da Torre de Bermúdez nun particular escenario para interpretar Delicias literarias. Cadros escénicos e musicais, escolma de Un cabecilla, Divinas palabras e Luces de bohemia. Contará coa intervención especial de Mariló Ríos (solista), Luís Prego (ao acordeón) e Cristóbal Pascual (á zanfona). No caso de chuvia será preciso traslada-la cita ao Elma.
Cómpre lembrar que se seguirán as medidas implantadas por mor da COVID-19.