A Pobra viviu a ofrenda cívica a Valle-Inclán
Con motivo da vixésimo segunda edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, o Cantón da Leña pobrense foi escenario este mediodía dunha ofrenda cívica, amenizada polo grupo de música tradicional Os Caraveiros, e que incluíu a colocación de arranxos florais fronte á escultura do escritor.
No acto estiveron presentes membros da corporación municipal presididos polo alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González; o secretario xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo; e o investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina; ademais de representantes de institucións e do tecido asociativo cultural.
A edil Patricia Lojo manifestou que este outubro se correspondeu cun mes de “cultura segura, os actos saíron ben, con tódalas medidas que se tomaron.” Engadiu que estas xornadas ofrecen unha programación ampla e plural, pensada para tódolos públicos e seguindo as medidas establecidas por mor da COVID-19. Así mesmo, indicou que A Pobra do Caramiñal e Vilanova de Arousa “somos dúas localidades arousás irmandadas pola vida e obra de don Ramón del Valle-Inclán. Os museos, monumentos e rutas valleinclanianas son o testemuño máis visible desta admiración por un artista grande. Grande fóra e grande para nós tamén porque entre nós viviu, entre nós acadou unha familia e entre nós escribiu títulos marabillosos.”
Pola súa parte, o director do Museo Valle-Inclán pobrense, Antonio González, tamén apuntou a que tanto A Pobra coma Vilanova “somos dúas localidades irmandadas polo ronsel valleinclaniano, un ronsel fértil. Os grandes xenios da literatura son universais alén do país e tamén no propio país.” Aproveitou a ocasión para lembrar que desde o Museo e o propio Concello se realizan actividades tamén na comarca do Barbanza e en Santiago de Compostela; ademais de que neste ano se colaborou co goberno de Navarra e con museos de Madrid e de Compostela, tanto na cesión de préstamos coma en actividades, tal e como sucede cunha exposición no Gaiás.
Na súa intervención, o secretario xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor que se trata da vixésimo segunda edición ininterrompida destas xornadas, cos formatos e opcións que posibilita a situación actual. En consecuencia, fixo fincapé en que “a cultura é segura. Tódolos que estamos facendo cultura facémolo con tódalas características para que a experiencia sexa absolutamente segura.” Do mesmo xeito, recordou que no 28 se fixeron os anos do nacemento de Valle-Inclán, “un dos grandes das nosas letras, da literatura universal, un dos grandes dramaturgos da literatura europea e mundial.”
Finalmente, o rexedor Xosé Lois Piñeiro incidiu en que as medidas que se toman no eido cultural “son as que se nos esixen e, incluso, máis do que se nos pide para que a cultura sexa segura e poidamos seguir a día de hoxe realizando actos culturais.” Da mesma maneira, expresou o seu agradecemento a tódalas persoas e entidades que fixeron posibles estas xornadas.