Determinados os traballos gañadores do concurso A nosa pegada no Nadal
No día de hoxe, xoves 7, reuníronse telematicamente os 5 membros do xurado do concurso de relato curto e debuxo A nosa pegada no Nadal, convocado pola asociación Arrancadeira e mailo Concello da Pobra do Caramiñal -a través da Concellaría da Normalización Lingüística, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG), e do Servizo de Normalización Lingüística municipal (SNL)-.
Tal e como se estabelecía nas bases, outorgáronse un total de oito distincións (unha por categoría). Na modalidade de relato curto: de 7 a 9 anos (participante 305); de 10 a 12 (participante 351); de 13 a 15 (participante 401); e a partir de 16 (participante 451). Por outra banda, na modalidade de debuxo: de 3 a 6 anos (concursante 107); de 7 a 10 (concursante 159); de 11 a 15 (concursante 206); e a partir de 16 (concursante 253). Cómpre lembrar que a valoración dos relatos foi feita integramente polo xurado e a dos debuxos contou tamén cun 50% dos ‘gústame’ que recibiron no perfil do Facebook de Arrancadeira Pobra.
Os premios consisten nun conxunto de vales para gastar en diferentes estabelecementos da vila. Cada persoa gañadora recibirá dous vales de 30 euros cada un para consumir nos locais. Así mesmo, tódalas persoas participantes recibirán un diploma como recoñecemento ó seu labor e esforzo. Será o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) municipal o que lles comunique ás devanditas persoas o momento desa entrega que se realizará de xeito individual e sen público por mor da situación sanitaria derivada da COVID-19.