A Pobra contará con obradoiros de conciliación no Entroido
De cara á época do Entroido, o Concello da Pobra do Caramiñal oferta, a través da Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), uns obradoiros de conciliación para os días 15, 16 e 17 de febreiro. Estas actividades transcorrerán no CEP Salustiano Rey Eiras, en horario de 09.00 a 14.00 horas, e están dirixidas a crianzas nadas entre 2008 e 2017. Estableceranse grupos reducidos de cinco cativas/cativos por monitor/a e seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.
O prezo é de 9 euros por nena/neno, aplicándose un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a. Ademais, inclúe o Servizo de Madruga, cuxo custo será de 3 euros pola entrada do cativo/cativa a partir das 08.00 horas, e de 4’50 euros dende as 07.30 horas. Tamén haberá a prestación de comedor, entre as 14.00 e as 16.00 horas, para dar maiores facilidades ás familias usuarias.
As persoas interesadas poden solicitar información e formaliza-la súa inscrición nas oficinas dos Deportes do Concello, situadas na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, dende as 09.30 ata as 14.30 horas, cos teléfonos de contacto 981832590 e 981831545. A data límite para se anotar é no 11 de febreiro.