
Recollidas 38’87 toneladas de téxtil nos colectores da Pobra
O municipio pobrense conta cunha ducia de colectores en diferentes espazos destinados á recollida de téxtil e, segundo apunta a Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), en 2020 depositáronse 38’87 toneladas.
As entidades que efectúan a recollida son a empresa de inserción sen ánimo de lucro Arroupa (cor vermella), unha iniciativa promovida por Cáritas, con contedores na Virxe do Monte, O Xobre, A Angustia e Caíños; Humana (cor verde), con presenza na rúa Gasset, na rúa Rafael Dieste, na rúa San Lázaro e en Caíños; e Texlimca (cor azul), con puntos na rúa Díaz de Rábago, no recheo, no paseo dos Areos e na rúa Venecia-Pintor Laxeiro. Un total de 12 colectores de onde sae a vestimenta con diferentes misións, pois Cáritas recolle roupa e calzado en bo estado para fins sociais; mentres que Humana e Texlimca o recadan, independentemente das condicións que presenten, para, por exemplo, produci-la materia prima para outros produtos.
Os contedores que rexistraron un maior volume de recollida foron os de Cáritas, cun total de 16’73 toneladas, seguidos dos de Humana, con 12’03; e dos xestionados por Texlimca, con 10’11. Cómpre indicar que a existencia dos referidos recipientes implicou que no punto limpo do polígono non se rexistrase a entrada do referido tipo de residuos.