Recollidas algo máis de 118 toneladas de residuos no punto limpo do polígono pobrense
O punto limpo situado no polígono da Pobra do Caramiñal rexistrou durante 2020 algo máis de 118 toneladas de residuos, tal e como apunta a Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra). A madeira representa o 56% do peso, seguida dos entullos, chatarra, televisións e monitores, aparellos eléctricos, utensilios de frío, voluminosos, lodos de pintura, fluorescentes e envases contaminados. Cómpre lembrar que esta instalación é un lugar onde levar gratuitamente os nomeados desperdicios, en horario de 10.00 a 13.00 horas, de luns a sábado. Ademais, existe un servizo de recollida de voluminosos en puntos próximos aos domicilios mediante un aviso previo no teléfono de contacto 981871808.
Por outra banda, nos dous minipuntos limpos urbanos depositouse durante o pasado exercicio case 1 tonelada de refugallos, dos cales as baterías e pilas constituíron o 60% do peso. Séguenlle os RAEE de pequeno tamaño (cables de móbiles, auriculares etcétera), as lámpadas de baixo consumo, os CD e DVD, os teléfonos móbiles e os cartuchos de impresora.
Un dos referidos colectores atópase fronte á casa consistorial, mentres que o outro se sitúa na praza do Emigrante. Trátanse de estruturas verticais con diferentes divisións, onde se especifica a que están destinados cada un. A súa presenza no termo municipal traduciuse en que no xa referido punto limpo do polígono non se rexistrase a entrada deste tipo de residuos.