Realizado o sorteo de 25 lotes de premios entre os nenos e nenas acertantes do xogo-concurso As sete Rosalías
Na xornada do 2 de marzo efectuouse o sorteo de 25 lotes de premios entre tódolos cativos e cativas acertantes do xogo-concurso As sete Rosalías, o cal se desenvolveu na Pobra durante a pasada semana con motivo do Día de Rosalía de Castro, no 24 de febreiro. Cada unha das referidas recompensas componse dunha botella térmica e duns auriculares sen fíos.
A iniciativa As sete Rosalías foi impulsada coa finalidade de continuar co labor divulgativo da persoa da nomeada intelectual, da súa obra e, polo tanto, do seu legado. Configurouse así unha proposta dirixida ás crianzas para lles achegar Rosalía de maneira didáctica e cun compoñente lúdico, concretamente, ás dos CEP Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra. Ata estes centros desprazáronse a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro.
A dita actividade consistiu en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que contiñan no seu interior o rostro da escritora acompañado de versos seus e puideron participar todos aqueles nenos e nenas pobrenses con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que contasen cun dos impresos repartidos.
As pezas estiveron expostas en escaparates de diversos establecementos locais do municipio dende o día 22 ata o 28 de febreiro. O desafío residía en busca-las 7 versións diferentes da imaxe que ilustraba o cartel deste ano, xa que non todas eran iguais. Unha vez atopadas, tiñan que anotar no folleto cal era esa diferenza e en que instalación se situaba. De lograren supera-lo reto, debían entrega-los impresos debidamente cubertos cos datos requiridos nos centros de ensino xa mencionados.