Nova xornada de emprendemento no Coworking da Pobra con alumnado do IES Espiñeira
Unha vintena de estudantes do ciclo medio da Xestión Administrativa do IES Espiñeira, de Boiro, desprazouse ata o Coworking pobrense para coñece-lo espazo de traballo colaborativo e as iniciativas empresariais que aquí se xestan.
Acompañados de Fátima Rodríguez, encargada da asistencia técnica, abordaron o emprendemento seguindo unha metodoloxía didáctica a través de xogos para así fomenta-las sinerxías e reforza-la teoría cunha simulación.
Deste xeito, tiveron que identificar oportunidades de negocio susceptibles de seren implantadas na localidade ou na comarca, elixi-la máis oportuna e estuda-la súa viabilidade a través do modelo Canvas.
A este respecto, a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela, indica que se prosegue con esta liña de encontros coa comunidade educativa para estimula-lo espírito emprendedor e dinamizar este servizo municipal.
Durante a visita, tamén coñeceron ideas de negocio que se incuban no centro pobrense da man de xente moza que optou pola fórmula do autoemprego.
Creado en 2017, o Coworking da Pobra consta dunha área de 143’23 metros cadrados con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con cabida para 8 módulos destinados a persoas emprendedoras que fagan uso desta prestación de maneira continuada, e o espazo Nómades, con 2 módulos dirixidos a quen utilice o centro de xeito puntual. E, en 2022, formalizouse a integración na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.