
O Concello da Pobra oferta obradoiros de conciliación para finais de marzo e o día 5 de abril
O Concello da Pobra do Caramiñal ofrece, a través da Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), uns obradoiros de conciliación para os días 29, 30 e 31 de marzo, así como para a xornada do día 5 de abril. Transcorrerán no CEP Salustiano Rey Eiras, en horario de 09.00 a 14.00 horas, e están dirixidos a crianzas nadas entre 2008 e 2017.
O prezo total é de 15 euros por nena/neno, pero aplicarase un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a.
Ademais, inclúe o Servizo de Madruga, cuxo custo será de 4 euros pola entrada do cativo/cativa a partir das 08.00 horas, e de 6 euros dende as 07.30 horas. Tamén haberá a prestación de comedor para dar maiores facilidades ás familias usuarias.
A data límite para a inscrición é no 25 de marzo a través das oficinas dos Deportes do Concello, situadas na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, dende as 09.30 ata as 14.30 horas, cos teléfonos de contacto 981832590 e 981831545.
Seguirase o protocolo e as medidas implantadas por mor da COVID-19.