ABERTA DE NOVO Ó BAÑO A PRAIA DOS AREOS CON SEGURANZA ABSOLUTA
Onte, venres 24 de xullo de 2020, o Concello da Pobra do Caramiñal recibiu na última hora da mañá unha comunicación da Consellería da Sanidade. Nela informábasenos de que a análise feita ás augas da praia dos Areos no pasado día 20 de xullo deu un resultado positivo por contaminación microbiolóxica. Onte pola tarde acordouse colocar carteis informativos para recomendar non bañarse, como é obrigatorio pola lei, e instaláronse esta mañá de sábado.
Hoxe a técnica municipal do medio ambiente comprobou que xa houbo unha segunda análise, feita no día 22 de xullo, publicada na web da consellaría pero aínda non comunicada oficialmente ó Concello da Pobra, na cal os resultados volveron ser excelentes, coma os de tódalas análises realizadas a esta praia dos Areos nos últimos anos.
Polo tanto a recomendación de non bañarse retírase, así como lamentámo-las molestias ou a alarma que puido xerarse durante o pouco tempo en que estiveron colocados os carteis, que foi ó redor de dúas horas desta mañá de sábado 25 de xullo.
Por outra banda, queremos expresa-la nosa satisfacción porque o fenómeno de contaminación fose un feito puntual dentro de tódalas análises que se lle teñen feito a esta praia. Este mesmo ano, no día 9 de xuño, no 26 do mesmo mes e no 7 de xullo a cualificación foi EXCELENTE.
O Departamento do Medio Ambiente do Concello da Pobra do Caramiñal traballará agora para investigar cales puideron se-las causas deste episodio puntual, que, de se identificaren, trataremos de corrixi-lo antes posíbel.
Enviamos unha mensaxe de tranquilidade para toda a poboación, especialmente ás persoas usuarias da praia así como ás profesionais que nela traballan.