Continúa aberto o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega
Lembramos que o DOG de 17 de marzo de 2021 recolle a publicación da resolución pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, neste 2021.
Os exames terán lugar en Santiago de Compostela e en Ponferrada no transcurso dos meses de maio e/ou xuño do presente ano, sempre que a evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 o permita.
As sedes e horarios para a realización das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística xunto coas listaxes definitivas das persoas admitidas.
As persoas destinatarias son aquelas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. Para se inscribiren deberán cubri-lo formulario de solicitude, segundo o modelo PL500C, que se publica como anexo I, e aboa-la taxa correspondente. O referido documento estará dispoñíbel na sede electrónica da Xunta e deberase indicar nel a proba ou probas que se solicitan, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística.
As solicitudes presentaranse preferibelmente pola vía telemática a través do formulario normalizado dispoñíbel na mencionada sede electrónica da Administración autonómica. Para esta modalidade de presentación poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos por esta sede electrónica, incluído o sistema Chave365. Opcionalmente, poderase entregar de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros estabelecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente dos dereitos de exame, será de quince días, que se contarán a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no DOG. Tamén se deberá achega-la documentación complementaria requirida.