Convocatoria das axudas para contribuír a minimiza-lo impacto da COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual
O DOG do 6 de abril de 2021 recolle a publicación da resolución pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.
O dito programa ten por obxecto a concesión de axudas ao alugueiro, mediante a adxudicación directa, ás persoas arrendatarias de vivenda habitual situada no territorio galego que, como consecuencia do impacto económico e social da situación epidemiolóxica, teñan problemas transitorios para atende-lo pagamento parcial ou total do dito alugueiro.
A concesión das achegas recollidas na resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As persoas beneficiarias deberán reunir unha serie de requisitos e será admitida unha única solicitude por cada vivenda. Presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta, que se incorpora como anexo I á mencionada resolución. Deberase dirixir á Dirección Técnica de Fomento do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Para esta modalidade de presentación de solicitude poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola referida sede electrónica, incluído o sistema Chave365. Opcionalmente, poderase entregar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
O prazo de presentación finalizará no 30 de setembro de 2021. Tamén se deberá achega-la documentación complementaria requirida.
Para máis información poden contactar co Departamento dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal a través do enderezo electrónico servizos.sociais@apobra.gal.