
En marcha o acondicionamento da praia dos Areos
Na mañá deste xoves 15 comezaron os labores de acondicionamento da praia dos Areos, os cales terán continuidade no día de mañá, venres 16. Segundo explica a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), trátase dunha actuación “moi necesaria” debido á acumulación de area que se produce na zona máis próxima ó porto. Trátase dun efecto provocado pola interrupción das correntes mariñas, que tivo lugar mediante a construción de diversas infraestruturas que ocuparon espazos que pertencían ó mar. A consecuencia é unha descompensación no areal, que produce un exceso de area nunha zona e un grave déficit noutras. A dita intervención conta coa autorización de Costas e consiste na redistribución do sedimento ó longo da zona intermareal coa finalidade de acondicionala para a tempada estival e tamén elimina-los problemas que se estaban a producir nos días de temporal cando a area chegaba a acumularse no paseo que discorre pola contorna, mesmo ata chegar onda o pavimento da estrada da beira do mar.
A empresa que está a realizar estes traballos é Tragsa, mediante un contrato de prestación de servizos por un importe de 11 888’14 euros, IVE incluído, con cargo ó orzamento municipal.
Cómpre indicar que, debido a estes labores, tanto hoxe coma mañá está prohibido aparcar na rampla do recheo, ademais de que se pode producir algún corte puntual do tráfico na estrada paralela ós Areos.