Iniciado o acondicionamento das cunetas das vías municipais da man da Ecobrigada de Amicos
A Concellaría dos Servizos Municipais da Pobra do Caramiñal informa de que a Ecobrigada da Asociación Amicos comezou na pasada semana cos labores de acondicionamento das cunetas das vías de titularidade municipal; unhas tarefas que se poñen en marcha tódolos anos por estas datas por coincidiren co incremento da flora silvestre.
A edil Estefanía Ramos (Nós Pobra) explica que o Concello conta con esta brigada, igual que vén facendo nos últimos anos, para estes traballos de mantemento consistentes na roza e na limpeza das marxes das estradas do municipio pobrense, focalizándose na retirada de vexetación e lixo, para contribuír a mellora-la visibilidade e a seguridade dos camiños. Neste senso, a concelleira destacou o “excelente traballo”, así como a importancia de apoia-la inserción laboral de persoas con discapacidade.
A primeira zona na cal se actuou foi en Cercias; continuouse polo Castro e A Garita, para progresivamente chegar a tódalas áreas do termo municipal.