
Iniciadas as obras de mantemento das bancadas do estadio da Alta
O Concello da Pobra do Caramiñal informa de que se están acometendo actuacións de mantemento nas bancadas do estadio municipal da Alta co obxectivo de lles ofrecer unhas mellores instalacións a deportistas e público, segundo manifestaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra). As tarefas focalízanse na reparación das deficiencias detectadas na estrutura das ditas bancadas e na substitución da actual cubrición por pranchas metálicas, con fixación mecánica a unha estrutura de formigón, con necesarios remates perimetrais e recollida de pluviais.
Así, procederase á pavimentación do corredor posterior da bancada e muro de peche nos módulos que na actualidade están abertos polo seu flanco sur, así como a revestir e pinta-la totalidade do paramento sur da bancada. Tamén se dotará dunha canalización de recollida das pluviais da cuberta e está previsto o acondicionamento da varanda metálica situada na parte frontal.
Estímase que o prazo de execución das obras sexa de dous meses e o orzamento ascende a 89 967’69 euros, IVE incluído.