Posto informativo sobre o punto limpo móbil na praza do Emigrante
Coa finalidade de informa-la veciñanza sobre o punto limpo móbil, na xornada do 28 de xullo establecerase un posto informativo na praza do Emigrante, en horario de 10.00 a 13.00 horas, onde persoal especializado da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ofrecerá información e resolverá dúbidas sobre este novo servizo posto en marcha dende a Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra).
Esta acción atópase ao abeiro da convocatoria da Orde de 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2020-2021. Mediante a notificación da resolución, a Consellaría do Medio Ambiente concedeu na totalidade a contía solicitada, 18.520 euros, para a compra do punto limpo móbil, así como para a realización de campañas de divulgación e información.