O Concello da Pobra contrata un peón forestal
O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría dos Servizos Municipais, da cal é titular a edil Estefanía Ramos (Nós Pobra), procedeu coa contratación dun peón forestal ao abeiro da Orde do 12 de abril de 2021 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol Rural), da cal a Administración local pobrense volve ser beneficiaria un ano máis.
Entre as funcións deste traballador en réxime laboral temporal figuran aquelas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, tales como a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa.
Tal e como se establecía nas bases reguladoras, o proceso desenvolveuse remitindo o Concello á oficina pública de emprego a oferta de traballo e, coa listaxe de demandantes remitida por esta última entidade, levouse a cabo o chamamento. Deste xeito, as persoas contactadas e interesadas en formaren parte do procedemento de selección tiveron que solicita-la súa participación mediante unha instancia, xunto coa documentación requirida, para, unha vez aprobada a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, realiza-las probas da fase da oposición.