
A peza teatral Invisibles representouse sobre as táboas do Elma no 31 de outubro
A compañía Redrum Teatro puxo en escena no 31 de outubro a función teatral Invisibles. Así, as actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez subiron ás táboas do Elma para representa-la dita obra, que é unha adaptación do libro homónimo, da xornalista Montse Fajardo, que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas.
A peza conta con varias distincións e galardóns, como o premio Luísa Villalta a proxectos de Igualdade da Deputación da Coruña ou os María Casares á Mellor Dirección, á Mellor Adaptación e á Mellor Iluminación.
A actividade enmarcouse no programa FalaRedes 2021, da Secretaría Xeral da Política Lingüística, e consistiu na segunda das citas programadas para o mes de outubro focalizadas na dinamización lingüística que chegaron mediante a Rede da Dinamización Lingüística da Xunta (RDL), á cal pertence o Concello da Pobra do Caramiñal a través da Concellaría da Normalización Lingüística, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG).