Abuín recuperou o seu cruceiro
A parroquia de Santo Isidro de Posmarcos viviu na mañá do 7 de novembro o acto de presentación da restauración do cruceiro de Abuín. Con data de 1789, a súa construción foi promovida, encargada e pagada por un matrimonio do lugar e anos atrás foi doado pola familia Abuín ao Concello da Pobra do Caramiñal para sumar este ben cultural ao patrimonio público.
Hai uns anos comezou o seu proceso de restauración e, na xornada de onte, xa ocupando novamente o seu destino, quíxose dar a coñece-lo labor a que foi sometido este elemento arquitectónico que resulta “singular, pola súa antigüidade, pola riqueza artística das súas imaxes e do seu capitel. Pezas deseñadas e refinadas por un obradoiro de escultura, propio do estilo barroco máis grande e depurado da arte popular de Galicia”, tal e como indicou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), quen rematou a súa intervención manifestando a importancia de conservar e protexer un ben patrimonial desa categoría.
O restaurador José Aguiño explicou o proceso de recuperación, que foi lento e laborioso, pois hai varios anos a vara partiu en nove anacos e o capitel fracturouse, tralo cal quedaron a cruz e as imaxes en 50 anacos. Expuxo así como se conseguiu restaura-la totalidade do cruceiro, ademais de diversas curiosidades sobre el como, por exemplo, o relativo á orientación das imaxes.
Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), puxo en valor a riqueza patrimonial coa cal conta esta parroquia pobrense, xa que, ademais de numerosos cruceiros, están presentes sartegos e un castro. Anunciou tamén que hai outra actuación prevista para contribuír á protección do cruceiro, que consistirá na colocación duns bancos graníticos ao seu arredor e unha empedrada de lastros na contorna. “Seguiremos traballando polo patrimonio do noso concello”, concluíu.
Entre as persoas asistentes atopábase veciñanza, representantes de entidades locais e membros da corporación municipal, así como o párroco Marcelino Sánchez, o presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Carlos Fernández Coto, e o doador do cruceiro, Juan Manuel Noal Abuín.
O toque musical da xornada correu a cargo do grupo de música tradicional Os Caraveiros e ao remate do acto dispuxéronse uns petiscos.