A Pobra abre o prazo para participar na Campaña da Neve 2022
Un ano máis, o Concello da Pobra do Caramiñal participa, a través da Área dos Deportes, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), na Campaña da Neve 2022, impulsada pola Deputación da Coruña. Transcorrerá na estación invernal de Valgrande-Pajares (Asturias) e está destinada a rapazada de toda a provincia con idades comprendidas entre os 12 e 15 anos, inclusive (cumpridos a 31 de decembro de 2021).
Máis polo miúdo, á Pobra concedéronlle sete prazas correspondentes coa segunda quenda, a cal se desenvolverá do 21 ao 24 de xaneiro para rapaces e rapazas empadroados/as no concello.
O documento de solicitude xa está ao dispor na páxina web www.apobra.gal. Esta deberase entregar debidamente cuberta no rexistro do Concello. O prazo de presentación será do 30 de novembro ao 14 de decembro, ás 14.00 horas.
Terán preferencia os/as rapaces/as que non tomasen parte en ningunha campaña da neve previa da institución provincial. No caso de recibir máis solicitudes ca prazas concedidas, farase un sorteo público no salón de plenos do Concello, ás 13.30 horas do 16 de decembro, e as persoas admitidas serán avisadas por teléfono para, ademais, indicarlles a documentación a presentar para confirma-la praza. A cota de participación establécese nos 85 euros, contía que non se debe aboar ata que o Concello confirme a praza.