
Ana Boullón ingresa na Real Academia Galega nun acto realizado no teatro cine Elma
A filóloga Ana Boullón Agrelo (A Pobra do Caramiñal, 1962) ingresou como membro de número da Real Academia Galega (RAG) nun acto que se desenvolveu no 11 de decembro no teatro cine Elma, organizado pola propia institución coa colaboración da Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, e pasa a ocupa-la cadeira que quedou vacante tralo pasamento de Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 1936 – Vigo, 2020).
Baixo o título Todos os nomes: identidade, pobo, país, o seu discurso centrouse na onomástica, campo de estudo do cal é investigadora de referencia, afondando na vertente lingüística e mais na dimensión social de nomes, apelidos e topónimos. Ofreceu así unha síntese do que representa a onomástica galega e rendeulle homenaxe á súa localidade natal na listaxe de nomes da infancia co cal pechou o seu discurso. Segundo manifestou, nomes propios, apelidos, alcumes ou topónimos que demostran que a través deles trazámo-las biografías propias e colectivas. “Eu non son ourive da linguaxe, pero creo que cada un de nós somos quen de crearmos a nosa biografía xeográfica, individual, familiar e colectiva, con nomes e apelidos, hipocorísticos, alcumes, formas de tratamento, topónimos, nomes comerciais xentilicios, festivos, zoónimos. É posible así representar o pasado compartido, as persoas, as paisaxes vividas”, apuntou.
O encargado de darlle resposta ao seu discurso foi Ramón Lorenzo, quen fixo un percorrido polos méritos da nova académica, cuxa tese de doutoramento dirixiu, e salientou a súa “gran capacidade de traballo” e a “firmeza na defensa das ideas.” Expresou tamén que “é unha honra para a RAG avanzar no proceso de igualdade no número de membros que a integran.”
Os aplausos subiron de volume no momento no cal o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, lle fixo entrega á académica do diploma e medalla da institución.
Ademais, no remate do acto, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, subiron ao escenario para facerlle entrega a Ana Boullón dun ramo de flores como presente por parte do Concello.