
Veteranas peregrinas e peregrinos que realizan o Camiño de Santiago do Barbanza visitaron o consistorio pobrense
A despedir xa o ano 2021, o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), recibiu na mañá deste 30 de decembro un total de cinco veteranas peregrinas e peregrinos procedentes de distintos puntos da xeografía española que se atopan nestes días a transita-lo Camiño de Santiago do Barbanza e que finalizaron na xornada de onte a etapa Carreira-A Pobra para emprenderen hoxe A Pobra-Cespón. A súa andaina comezou no 27 de decembro en Corrubedo e está previsto que conclúa no 2 de xaneiro en Santiago de Compostela. Todas estas persoas camiñantes contan cunha longa traxectoria de peregrinacións, que se traduce en dúas décadas a desenvolver esta actividade ou en ter percorridos arredor de corenta camiños, segundo as vivencias expostas, converténdose xa nun estilo de vida.
Á recepción tamén concorreron representantes da Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe, nomeadamente o seu presidente, Manuel Mariño Nin; o vicepresidente, Manuel Antonio Villar; e a secretaria, Marián Treus. Durante o encontro, as ditas persoas camiñantes trasladaron as súas impresións do itinerario e, no caso concreto da Pobra, destacaron o tramo que discorre pola zona de Niñeiriños, onde se funden bosque e mar. Así mesmo, dialogaron sobre as posibilidades de, cara a un futuro, establecérense albergues en todo o traxecto.
O rexedor expresóulle-los seus desexos de que a experiencia lles resulte grata e desfruten da tradición xacobea e atractivos das localidades que conforman A Orixe. Pola súa parte, o presidente da citada entidade puxo en valor a hospitalidade da veciñanza e declarou que se continúa a traballar na dinamización desta ruta xacobea.
Finalmente, fíxoselle-la entrega do catálogo da exposición itinerante As pegadas do Camiño de Santiago no Barbanza: A Orixe; exemplares que foron con dedicatorias do mandatario local e de persoas representantes da referida asociación, a petición das propias viaxeiras e viaxeiros, para teren como recordo da súa estancia no municipio.