O espectáculo Dous no camiño revisará no Elma as lendas xacobeas en clave de humor
Culturactiva Producións levará o seu espectáculo Dous no camiño ao teatro cine Elma no 30 de xaneiro, ás 19.00 horas. A función pretende ser un divertido e sinxelo achegamento ás lendas xacobeas, facendo especial fincapé nas raíces galegas das mesmas.
Nesta montaxe revísanse tres das máis populares: a do cabaleiro francés Roldán; a da barca de pedra de Muxía; e da translatio do Apóstolo Santiago a Compostela. Sempre en ton cómico, mais mantendo a esencia destas historias máxicas e con total respecto.
As persoas interesadas en asistir como público deben formaliza-la súa reserva na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545.
Esta actividade de balde adscríbese ao calendario cultural programado para o inicio deste 2022 con sesións destinadas a maiores de 14 anos. Organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.