Recollidas preto de 40 toneladas de téxtil nos colectores da Pobra no 2021
Proseguindo co balance do resultado das actuacións focalizadas na reciclaxe que se executaron durante o 2021, a Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), informa que no pasado exercicio se depositaron 39’89 toneladas de téxtil na ducia de colectores habilitados para a súa recollida en distintos puntos do termo municipal. Unha cifra similar á do 2020 cando se acadaron as 38’87 toneladas.
Ao igual que en anos anteriores, as entidades que efectúan a recollida son a empresa de inserción sen ánimo de lucro Arroupa (cor vermella), unha iniciativa promovida por Cáritas, con contedores na Virxe do Monte, O Xobre, A Angustia e Caíños; Humana (cor verde), con presenza na rúa Gasset, na rúa Rafael Dieste, na rúa San Lázaro e en Caíños; e Texlimca (cor azul), con puntos na rúa Díaz de Rábago, no recheo, no paseo dos Areos e na rúa Venecia-Pintor Laxeiro.
Os contedores que rexistraron un maior volume de recollida foron os de Texlimca cun total de 15’21 toneladas; seguidos dos de Cáritas, con 13’95; e dos xestionados por Humana, con 10’73.
A finalidade da vestimenta que sae dos 12 colectores é diversa, pois Cáritas recolle roupa e calzado en bo estado para fins sociais; mentres que Humana e Texlimca o recadan, independentemente das condicións que presenten, para, por exemplo, produci-la materia prima para outros produtos. Cómpre lembrar que estes recollen unicamente pezas de orixe doméstica, tales coma roupa do fogar, de vestir, complementos, calzado e outros elementos con compoñentes téxtiles como peluches.