A Pobra rende homenaxe a Rosalía de Castro cunha ofrenda cívica, unha exposición biográfica e un xogo-concurso
No 23 de febreiro conmemórase o día dunha das figuras referentes do panorama literario galego e da nosa idiosincrasia: Rosalía de Castro. O Concello da Pobra do Caramiñal súmase novamente a esta celebración e organiza varias propostas coas cales continuar co labor divulgativo da súa persoa, obra e, polo tanto, do seu legado, tal e como explicaron a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro. Como novidade, instalaranse nos Xardíns de Valle-Inclán uns paneis informativos que fan un repaso pola biografía de Rosalía e amosan tamén fotografías súas.
Así mesmo, no propio día 23 efectuarase a tradicional ofrenda cívica na praza que leva o nome da escritora, ás 13.00 horas.
Impúlsase, ademais, unha nova edición do xogo-concurso As sete Rosalías, co cal achegarlles ás crianzas a figura da intelectual galega dun xeito didáctico e cun compoñente lúdico. A este respecto, a edil manifestou que se decidiu darlle continuidade a esta actividade debido a que “tivo moi boa acollida o ano pasado e xa era algo novamente demandado.” Agradeceu tamén a colaboración e disposición da trintena de locais participantes.
A dinámica é a mesma ca a do pasado ano: consiste en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que conteñen no seu interior o rostro de Rosalía acompañado de versos seus. Lémbrase que estas pezas xa están expostas nos escaparates de diversos establecementos da localidade dende o día 11 e permanecerán ata o día 25 de febreiro. O desafío reside en busca-las 7 versións diferentes da imaxe que ilustra o cartel. Unha vez atopadas, será preciso anotar no folleto cal é esa diferenza e en que instalación se sitúa. Poden participar todos aqueles nenos e nenas pobrenses con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que conten cun dos impresos repartidos nos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra. De lograren supera-lo reto, deben entrega-los impresos debidamente cubertos cos datos requiridos nos centros de ensino xa mencionados. Sortearanse 50 lotes de agasallos entre tódolos cativos e cativas acertantes, no 4 de marzo.