O coworking da Pobra súmase á rede provincial
Nesta xornada formalizouse a sinatura do convenio que redundará na dinamización do coworking da Pobra do Caramiñal e polo que pasa a integrarse na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo. O documento foi rubricado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde da localidade pobrense, Xosé Lois Piñeiro; e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo.
A entidade provincial achegará 24811’60 euros para dinamizar o referido espazo, o cal se traduce no 80% do total do custo do proxecto para a contratación dunha asistencia técnica e para impulsar un campus de emprendemento con perspectiva de xénero, así como unha experiencia piloto para a promoción do sector primario.
O coworking pobrense consta dunha área de 143’23 metros cadrados con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con cabida para 8 módulos de traballo e destinado preferentemente a persoas emprendedoras que desexen crear a súa propia empresa; e o espazo Nómades, con 2 módulos dirixido a persoas usuarias externas que non permanezan de xeito continuado no centro.