
O Elma acolle no 20 de marzo a representación da función Noite de Reis
Proseguindo co ciclo de teatro afeccionado que transcorre na Pobra do Caramiñal ao longo do mes de marzo, a Escola de Teatro de Narón subirá ás táboas do teatro cine Elma coa función Noite de Reis. Será no día 20, ás 19.00 horas.
Esta peza teatral traslada as persoas asistentes á costa do reino de Iliria, onde Viola e Sebastián, unha irmá e un irmán xemelgos, acaban por separado e crendo na morte un do outro tras un naufraxio. Viola farase pasar por un paxe de nome Cesario na corte do duque Orsino. A partir dese momento desencadearase unha serie de enredos, mentiras, identidades falsas e personaxes extravagantes que darán como resultado unha das comedias máis divertidas de William Shakespeare.
Igual ca o resto de sesións que compoñen a programación, a entrada é de balde e as persoas interesadas en asistir de público poden efectua-la súa reserva na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545.
Organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.