Segue aberto o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega en 2022
A Concellaría da Normalización Lingüística da Pobra do Caramiñal, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG), lembra que o Diario Oficial de Galicia (DOG) de 18 de marzo de 2022 recolle a publicación da resolución pola cal se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, neste 2022.
Os exames terán lugar en Santiago de Compostela e en Ponferrada no transcurso dos meses de maio e xuño do presente ano.
As sedes e horarios concretos para a realización das probas publicaranse na páxina web www.lingua.gal, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, xunto coas listaxes definitivas das persoas admitidas.
As persoas destinatarias son aquelas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. Para se inscribiren deberán cubri-lo formulario de solicitude, segundo o modelo PL500C, que se publica como anexo I, e aboa-la taxa correspondente. No formulario de solicitude deberán indica-la proba ou as probas ás cales solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística.
As solicitudes presentaranse preferentemente pola vía electrónica a través do formulario normalizado que hai á disposición na sede electrónica da Xunta. Para esta modalidade poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola dita sede electrónica, incluído o sistema de usuaria/o e clave Chave365. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros recollidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente dos dereitos de exame, será de quince días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no DOG. Tamén se deberá achega-la documentación complementaria requirida.