A Pobra contará con obradoiros de conciliación a mediados do mes de abril
Cara ás vacacións escolares de finais do segundo trimestre que coincide coa festividade da Semana Santa, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), ofrece uns obradoiros de conciliación que se desenvolverán no CEP Salustiano Rey Eiras, en horario de 09.00 a 14.00 horas. Destinados a crianzas da infantil e da primaria, as datas concretas para esta actividade son os días 11, 12, 13 e 18 de abril.
O prezo é de 15 euros por nena/neno, pero aplicarase un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a.
Para dar maiores facilidades ás familias usuarias tamén se achega o Servizo de Madruga, cuxo custo será de 4 euros pola entrada do cativo/cativa a partir das 08.00 horas e de 6 euros dende as 07.30 horas. Ademais, existe a prestación de comedor, dende as 14.00 ata as 16.00 horas.
A data para se anotar remata no 7 de abril. Máis información e inscricións nas oficinas dos Deportes do Concello, situadas na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, dende as 09.30 ata as 14.30 horas, ou mediante os teléfonos de contacto 981832590 e 981831545.
Seguirase a normativa implantada por mor da COVID-19.