
A Pobra recada 2000 euros nos actos solidarios a favor da Ucraína
Amosando a súa solidariedade co pobo ucraíno, o Concello da Pobra do Caramiñal e o tecido asociativo local recadaron 2000 euros nas actuacións solidarias organizadas nas pasadas fins de semana, durante as cales se habilitou tamén unha fila 0 para aquelas persoas que non puideron asistir, pero desexaban igualmente face-la súa contribución.
A edil da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), explica que estes fondos irán destinados a organizacións especializadas que traballan sobre o terreo para contribuír á adquisición dos recursos que se precisen, seguindo así as recomendacións de diversas entidades.
Os actos tiveron como epicentro o teatro cine Elma co festival tradicional ofrecido por Arrancadeira, Eiradela, Xiada, Caramiñas, Trécola e Caraveiros (no día 2); coa representación da peza teatral Un convento moi contento, da man da Asociación Amas de Casa (no día 3); e co festival de bandas a cargo da Banda da Escola de Música da Pobra e a Banda Ateneo Musical da Pobra (no día 9).