O Maio das Letras pobrense comeza a súa recta final
Ao abeiro da axenda cultural do Maio das Letras, no día 20 procederase coa entrega do IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro e a presentación da obra gañadora desta edición: Por mor de cinco pizzas aos catro queixos, de Xosé Antonio Neira Cruz. A cita desenvolverase a partir das 20.30 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.
Acompañarán o autor o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); o presidente da A. C. Barbantia, Manuel Cartea; e o director de Produción da Editorial Galaxia, Xesús Domínguez.
Contarase, ademais, co acompañamento musical da Escola de Música da Pobra e as persoas asistentes recibirán como agasallo un exemplar do libro.
A maiores, o Cantón da Leña acollerá no 21 de maio, ás 12.30 horas, a Primavera das Letras da Real Academia Galega, que consistirá no obradoiro Coloreando con Florencio e no contacontos Son o poeta que cruzou o océano, con texto de Ledicia Costa e ilustración de Blanca Millán. Xa pola tarde, realizarase o concerto da coral Abrente Cantos de aquí e acolá. Será ofrecido pola Asociación de Amas de Casa, a partir das 20.00 horas, no teatro cine Elma.