O festival DiversidArte achega artes escénicas ao rural da Pobra cun carácter solidario
A música, a danza e o teatro imperarán no 28 de maio con motivo do proxecto DiversidArte no Rural, xestionado pola Asociación Poten100mos, que chega a Santo Isidro de Posmarcos. Arrancará a partir das 19.00 horas, na pista deportiva desta parroquia pobrense e, en caso de chuvia, trasladarase ao teatro cine Elma. A entrada é libre.
A programación consta dunha exhibición de danza, A guerrilla da concordia, e unha performance sobre a guerra, O meu amigo José, da man do Grupo de Teatro do CAD; mentres que o eido musical correrá a cargo de Ensamble Superarte do Conservatorio Profesional de Música da Coruña, cun variado repertorio composto por unha ducia de cancións.
Este festival artístico puramente inclusivo tamén terá unha vertente solidaria ao recadar fondos a favor da Ucraína, pois habilitarase unha urna onde as persoas asistentes poidan face-lo donativo económico que consideren.
A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), acompañada da directora do CAD, Julia Rial, manifestou que “é todo un honor presentar este tipo de festivais” e “que mellor que unir solidariedade coa arte.”
O mencionado proxecto é un soporte creado para a promoción, produción e difusión da arte onde as súas principais protagonistas son as persoas con diversidade intelectual, física, psíquica e sensorial, xunto con outros colectivos en situación ou en risco de exclusión, con actividades que fomentan as sinerxías e a súa propia inclusión como artistas dentro da sociedade e que van máis alá do contorno urbano.
Organiza a Asociación Poten100mos, coa colaboración da Concellaría dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal e co financiamento da Deputación da Coruña.