Unha ruta turística guiada pon o foco na riqueza patrimonial do río das Pedras
Un dos principais reclamos paisaxísticos da Pobra do Caramiñal é o río das Pedras, na contorna das piscinas naturais, polo que a Concellaría do Turismo lanza unha ruta turística guiada que se suma ao completo calendario de lecer deseñado para a tempada estival segundo adiantou a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), acompañada pola técnica municipal do Turismo, Ángeles Tubío, e Joaquín Rubal, quen exercerá de guía do percorrido.
Esta nova actividade remarca a aposta da Administración local por diversifica-la oferta turística poñendo o foco, nesta ocasión, nunha paraxe de gran riqueza que reúne natureza, historia e lendas.
O itinerario será ofrecido por un guía titulado nos días 8, 22 e 29 de xullo, así como nas xornadas do 5, 19 e 30 de agosto. A duración será de 3 horas, nas cales se completarán aproximadamente 2 quilómetros. A dificultade é media-alta, polo que está recomendado para maiores de 12 anos.
As saídas efectuaranse ás 10.00 horas, co aparcadoiro fronte ao mercado municipal como punto de encontro.
As prazas son limitadas e requírese inscrición previa na oficina do turismo, situada na Casa Mariñeira; nos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835; ou no enderezo electrónico turismo@apobra.gal. O importe a pagar para desfrutar desta experiencia estipúlase nos 13’50 euros por persoa e inclúe tamén o traslado en autobús.