
Visita institucional para coñece-los novos proxectos de Congalsa
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou hoxe Congalsa, situada no polígono industrial da Tomada. Alí, acompañado por membros da executiva, da corporación municipal da Pobra do Caramiñal e doutros representantes da Administración autonómica puideron coñece-las iniciativas nas que se atopa inmersa a empresa, ademais das súas instalacións, prestando especial atención á súa planta 19, na que, mediante unha alianza establecida con Ribeira Peixe Fresco, se aposta pola pesca local coa consecuente comercialización de produto de proximidade, segundo explicou o director xeral de Congalsa, Luis Miguel Simarro.
Fixo tamén fincapé no compromiso coa igualdade, pois indicou que no grupo empresarial se superan as 780 persoas traballadoras, das cales un 67% son mulleres. Así mesmo, aproveitou a ocasión para informar sobre avances no modelo de industria 4.0, optimizando a produción e os resultados mediante o uso das novas tecnoloxías.
Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, puxo en valor o bo facer desta firma e o seu compromiso de utilizar produto local. Nesta liña, destacou a súa crecente evolución en materia de innovación, calidade, empregabilidade e dimensión social.
Finalmente, o presidente autonómico, Alfonso Rueda, manifestou o valor de “presumir da potencia que temos no sector pesqueiro e na innovación” utilizando a materia prima coa que conta a costa galega, outorgándolle así un valor engadido ao produto final e seguindo coa marca de calidade dos recursos pesqueiros da comunidade.