A Pobra dálle a benvida ao mes de agosto con tres espectáculos
Novas citas culturais desenvolveranse ao longo desta semana ao abeiro da programación para o verán dirixida ao público familiar impulsada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e Cultura no Camiño da Xunta de Galicia.
A función O estraño caso do dentista da rúa Brasov inaugura o mes de agosto desprazándose polo centro da localidade no día 2 para dar a coñecer, con maxia e clown, a peculiar historia dun odontólogo de Europa do Leste que percorre co seu carromato vilas e cidades buscando clientes para a súa singular consulta ambulante. Comezará co seu itinerario ás 20.30 horas.
No día 4, a partir das 18.30 horas, A eira do Paporrubio trasladará ao Cantón da Leña un espectáculo-taller con xogos de toda clase e monicreques que incitan a converte-las persoas asistentes en fabuladoras, en creadoras.
E, na xornada seguinte, día 5, o Mago Richard interpretará unha serie de efectos máxicos extraídos do seu repertorio dos últimos 30 anos que sorprenderán o público de tódalas idades. Será das 20.30 horas en diante, no Cantón da Leña.