Hamlet substituirá a Heredeiros da Crus no Entrebateas 2022
Heredeiros da Crus viuse na obriga da cancelar algunhas das súas actuacións por motivos de saúde dun dos seus integrantes, entre elas a prevista para o 2 de setembro no festival Entrebateas da Pobra do Caramiñal. O Concello e a organización deséxanlle unha pronta recuperación e que en pouco tempo volvan subir aos escenarios para o desfrute do público.
Hamlet é a banda elixida como alternativa para cabeza de cartel no venres 2; sumándose tamén os concertos de Rebeliom do Inframundo, Agoraphobia e YOUCANTHIDE. A xornada seguinte, sábado 3, estará protagonizada por Soziedad Alkoholika, Golpe Radikal, Stoned At Pompeii e Hybrid Park.
Habilítase a opción da devolución da entrada do día 2 a través do enderezo electrónico contacto@entrebateas.com, indicando o nome que sae no tícket. O prazo remata no xoves 1.
Esta cita imprescindible para as persoas amantes do metal e do rock regresa ao municipio na súa quinta edición con diferentes grupos de renome que converterán a praza Alcalde Segundo Durán en epicentro musical. Aínda quedan entradas dispoñibles que se poden adquirir na páxina web www.entrebateas.com. O bono para a totalidade do festival ten un prezo final de 30’54 euros, mentres que para cada un dos días se establece nos 20’36 euros.
Organizan a Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a asociación cultural Xente ás Leiras, coa colaboración doutras entidades.