O Concello pobrense e Amicos alíanse para a difusión dos beneficios da compostaxe comunitaria
A Pobra do Caramiñal dispón dende o mes de xullo de tres puntos de compostaxe comunitaria: na zona do Castelo (entre o edificio de usos náuticos e as pistas deportivas), de Venecia (na contorna do paseo da Xunqueira) e do Caramiñal (a carón das pistas de Raquel Fernández Soler). Precisamente neste último espazo deuse a coñecer nesta xornada unha nova acción na cal traballan conxuntamente a Concellaría do Medio Ambiente e a Asociación Amicos.
Unha persoa usuaria desta entidade visitará nas vindeiras semanas os edificios e vivendas familiares sen terreo das áreas anteriormente citadas para explicarlle á veciñanza os beneficios da compostaxe comunitaria, o seu funcionamento e os recursos que a Administración local pon ó seu dispor, segundo deron a coñece-la concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), e a técnica municipal desta área, Beatriz González. Trátase dun paso máis en materia medioambiental ó tempo que se contribúe á inserción laboral de persoas con diversidade funcional, aspectos que se enmarcan na liña de traballo do organismo social, segundo expuxo Pilar Sampedro, coordinadora do Centro de Atención Integral.
José Francisco Manteiga será a persoa encargada de efectua-la campaña de divulgación que comezará polo sector de influencia de Raquel Fernández Soler e irá identificado cos logos das dúas institucións promotoras. Do día 12 ata o 16 de setembro irá en horario de mañá, de 09.30 a 13.30 horas, mentres que do día 20 ata o 23 fará o itinerario na quenda da tarde, dende as 16.00 a 20.00 horas. Refórzase así a campaña informativa previa que consistiu no envío de dípticos ós domicilios acompañando a factura da auga.
O Concello estendeu o proxecto da compostaxe ó ámbito comunitario, cuxos colectores están xestionados por persoal municipal para controla-lo proceso e o correcto uso.
A cidadanía aínda pode sumarse a esta opción presentando a súa solicitude de participación no rexistro, tanto físico coma telemático, logo de cubri-lo documento pertinente. Recibirá formación, contacto para resolver dúbidas, caldeiro e as chaves dos contedores, pois permanecerán pechados para evitar que se depositen residuos que non corresponden.
Este modelo implántase no municipio mediante unha subvención da cal resultou beneficiaria a Administración local, ó abeiro das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na convocatoria de Residuos 2019 e 2020 (PIMA e Pemar), que coas liñas de compostaxe pretende reduci-las emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e mellorar na consecución do Plan estatal marco de xestión de residuos (Pemar).