Dezasete disciplinas integran as escolas deportivas da Pobra no curso 2022-2023
A Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), promove as escolas deportivas para a tempada 2022-2023 cun total de dezasete disciplinas que arrancarán no mes de outubro.
A área municipal dos Deportes oferta educación física base-predeporte (nadas/os 2016-2019) e fútbol sala mixto (nadas/os 2011-2018) para as crianzas. Coa participación de irmás e irmáns aplicarase un desconto do 50% ó/á segundo/a e será de balde para o/a terceiro/a. Ademais, os horarios poderanse alterar en función das inscricións.
No que respecta ás persoas adultas, as modalidades consisten en ximnasia de mantemento, pilates, camiñadas + estiramentos e actividades para maiores. Anotándose en pilates e outra actividade, o prezo total bimensual será de 30 euros e, a terceira, gratuíta.
As propostas destinadas á rapazada reforzaranse tamén coa colaboración das entidades locais: artes marciais, atletismo, baloncesto, fútbol, patinaxe artística, remo, tenis, tenis de mesa, xadrez, xogos de mesa e tiro con arco.
O período de preinscrición abre ás 10.00 horas do día 21 de setembro. O formulario cuberto deberase entregar no rexistro do Concello ou a través da sede electrónica. O pagamento efectuarase unha vez confirmada a matrícula.
Máis información na oficina dos Deportes, situada na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler; no teléfono de contacto 981831545; ou no enderezo electrónico deportes@apobra.gal.