RECOMENDACIÓNS do Concello da Pobra do Caramiñal: paseos seguros pola praia dos Areos, polo paseo dos Areos e polo paseo das Xunqueiras
O centro urbano do concello conta con dous espazos que permaneceron pechados ata hai pouco, que son a praia dos Areos e o paseo das Xunqueiras.
Coas novas medidas que permiten as saídas para camiñar e facer deporte, son espazos que incrementan as posibilidades á hora de pasear. Pero tamén poden ser lugares de excesiva concentración de persoas. Por este motivo a decisión é abrilos ó tránsito pero de maneira controlada.
A praia será unha zona de paseo máis: en ningún caso para permanecer xogando no mesmo punto durante demasiado tempo e por suposto non se permite toma-lo sol.
Para diminuí-la posibilidade de cruzamento con outras persoas só se poderá pasear nun sentido, sempre do centro da vila cara ó Xobre. Poderase regresar a través do propio paseo dos Areos.
No paseo das Xunqueiras, debido ó estreito que é, o risco de contaxio é alto cando se produce un cruzamento entre persoas. Por este motivo o sentido da circulación terá que se-lo mesmo para tódalas persoas paseantes: será obrigatorio sempre no sentido das agullas do reloxo, é dicir, será preciso incorporarse ó paseo sempre tomando cara á esquerda.
Son medidas que só perseguen a máxima seguridade para nenos e nenas e para tódalas persoas en xeral. So funcionarán coa colaboración cidadá e non pretenden restrinxir dereitos senón que a intención é que poidamos exercelos con tranquilidade e seguridade.
Moitas grazas a tódolos veciños e veciñas da Pobra, e ánimo para supera-lo que nos queda de confinamento e de medidas de control excepcionais.