
Conciliación e dinamización económica únense na Pobra coa Pequetroula
A Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal lanza unha nova campaña coa cal fortalece-lo sector comercial a través da conciliación, contando coa colaboración do DEAN.shop eCommerce e da Asociación de Empresarios. Impúlsase así unha nova edición da Pequetroula, un espazo lúdico para a rapazada de 3 a 14 anos en que se divertir mentres as súas familias realizan compras nos establecementos de proximidade.
No acto de presentación estiveron presentes o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra); a técnica municipal desta área, Sara Sánchez; a presidenta do DEAN.shop eCommerce, Noelia Hermo; e a administrativa da Asociación de Empresarios, Susana Moreira.
A edil ratificou que se trata dunha aposta importante “que significa un compromiso co comercio local que nos leva a desfrutar de actividades moi dinámicas para a mocidade e crianzas, ademais de axuda-las familias a conciliar.” Tamén o rexedor se referiu á relevancia desta campaña que “evoluciona no seu funcionamento e medra ao estenderse dende outubro.”
Unha zona da praza Alcalde Segundo Durán habilitarase cun toldo, lugar que se converterá nun fervedoiro de actividades amenas e creativas: proxeccións de filmes, obradoiros de iniciación á maxia, cociña, ciencia, parkour ou contacontos son algunhas das propostas. Desenvolveranse durante as fins de semana comprendidas entre a de 8 de outubro e 18 de decembro, atendido por monitorado e especialistas en distintas materias. O horario definido para os sábados é de 11.30 a 14.00 e de 17.30 a 21.00 horas, mentres que nos domingos se establece dende as 12.00 ata as 14.30 horas.
Para acceder a este servizo é preciso presentar un bono Pequetroula que se pode conseguir online (en liña) a través de www.deanshop.es, a partir deste mesmo xoves, ou presencialmente na oficina do turismo, con atención ao público de luns a venres, de 09.30 a 14.30 horas. Tamén se habilita a posibilidade de facelo na propia praza media hora antes do inicio de cada sesión. Pode facer uso del tanto a veciñanza da localidade coma a doutros municipios.
Posteriormente, o bono poderase trocar por descontos en 36 comercios da vila que contarán cun distintivo: téxtil, moda deportiva, salóns de peiteado, centros de estética, tendas de tecnoloxía, mercerías, panadarías, tendas de comestibles e dous locais hostaleiros.
O prezo destes bonos por sesión distribúese da seguinte maneira: na quenda de mañá, 7 euros pola entrada dun/dunha cativo/cativa; pola tarde, 10 euros; e, coa opción de mañá e tarde, 15 euros. A contía total verase rebaixada pola participación de irmás e irmáns e será de balde para o/a terceiro/a.