A Pobra afonda no mundo micolóxico por sexto outono consecutivo
A paisaxe adquire tonalidades douradas e vermellas, caen as follas das árbores e agroman os cogomelos coa humidade. A Pobra do Caramiñal vivirá durante este outono as VI Xornadas Micolóxicas para lle achegar á cidadanía coñecementos básicos sobre esta rama da bioloxía que estuda os fungos. No acto de presentación participaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra); e a técnica municipal desta área, Beatriz González.
O programa arranca no 2 de novembro coa entrega de guías micolóxicas elaboradas por MycoGalicia Plantae a alumnado de terceiro curso do CEP Salustiano Rey Eiras e do CEP Pilar Maestú Sierra. Xa pola tarde, ás 20.30 horas, ofrecerase no Auditorio do Museo Valle-Inclán a conferencia Introdución á micoloxía. O apartado dos simposios terá continuidade no venres 4 coa charla A importancia ecolóxica e ambiental dos fungos. A recuperación de terreos incendiados, a partir das 20.30 horas, na referida instalación municipal. A asociación medioambiental AMABUL impartirá ámbolos coloquios.
A carballeira da Silva converterase no espazo idóneo para o desenvolvemento dunha actividade familiar no sábado 5, de 15.00 a 18.00 horas. O obradoiro Os cogomelos como recurso ambiental e pedagóxico está dirixido a crianzas ata 12 anos, que deberán estar acompañadas dunha persoa adulta.
O momento de inspecciona-lo terreo chegará no domingo 6 cunha visita guiada polo campo, concretamente, dende o cruzamento da subida ós Forcados. O traslado efectuarase en vehículos particulares coa saída estipulada nas 10.00 horas. E, posteriormente, como xa é tradición, o mercado municipal acollerá a partir das 13.00 horas unha exposición de cogomelos, a entrega dos premios ás persoas gañadoras do VI Concurso Fotográfico de Micoloxía e unha degustación gastronómica a cargo de Gastrolab Arousa.
A maiores, a casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler dará cabida durante a primeira quincena do mes de novembro a unha mostra composta polas instantáneas gañadoras do concurso fotográfico en anteriores convocatorias. A sala permanece aberta de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.
Cómpre lembrar que na noite do 26 de outubro pechou o prazo de participación no certame que repartirá un total de 750 euros en premios mediante vales de compra a empregar no comercio local.
Tódalas actividades son de balde e requírese a inscrición previa para o obradoiro familiar, a saída ó campo e a degustación a través do enderezo electrónico apobra.micoloxia@gmail.com.