Segunda xornada de inmersión no universo valleinclaniano para a rapazada da primaria da Pobra
Os colexios da primaria da Pobra do Caramiñal mergulláronse novamente no universo valleinclaniano a través da función O avó e outras historias para contar?, a cargo de Charo Pita, baseada en O meu bisavó. No 27 de outubro foi a quenda de alumnado do CEP Pilar Maestú Sierra, ademais de repeti-la experiencia o CEP Salustiano Rey Eiras; que estiveron acompañados/as un anaco da concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE). A actividade desenvolveuse na sala Iconografía Contemporánea do Museo Valle-Inclán no marco da vixésimo cuarta edición das xornadas de homenaxe ao escritor.
O teatro regresará á institución museística con De paxaros na cabeza, da man de De Tal Cuento Tal Astilla, aberto a toda a cidadanía. Representarase no venres 28, ás 20.30 horas. Como colofón, no sábado 29 procederase no Cantón da Leña, a partir das 12.30 horas, coa tradicional ofrenda cívica onda o monumento do literato, que incluirá unha lectura pública de textos e estará amenizada pola Escola de Baile e Pandeireta Caramiñas da Asociación Amas de Casa. Haberá tamén unha ruada por espazos céntricos da vila coa música de Os Caraveiros.