O programa Muller Dixital comeza na Pobra cun total de 20 participantes
A Pobra do Caramiñal acubilla a impartición de Muller Dixital, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que conta coa colaboración da Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra).
O programa iniciouse no 8 de novembro coa participación dun total de 20 mulleres desempregadas ou en mellora de emprego. A finalidade é que adquiran competencias dixitais e reduci-la fenda de xénero a través da capacitación dixital.
As clases desenvólvense de luns a venres na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal, lugar ata onde se desprazaron na xornada de onte a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), xunto coa axente da igualdade, Carolina Rodríguez, para sauda-las asistentes.
O curso atópase diferenciado en tres bloques temáticos, cunha duración de 40 horas cada un: competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento.
Tras finalizaren, as mulleres integrantes recibirán como agasallo cadansúa tablet cun teclado externo para pór na práctica todo o aprendido.
A dita iniciativa está financiada polos Fondos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio da Educación e Formación Profesional.