O Papá Noel inicia na Pobra unha xira para coñece-los escolares
Faltan poucos días para o Nadal e a ilusión non deixa de medrar entre as crianzas. Antes de deixa-los agasallos baixo as árbores, o Papá Noel quere coñecer en persoa as crianzas da Pobra do Caramiñal que lle remitiron agarimosas cartas cos seus desexos para estas datas.
No 19 de decembro iniciouse a xira de encontros coas case 500 nenas e nenos dos centros educativos da infantil e da primaria. Escolares do Monte Carmelo foron as/os primeiras/os en asistiren a esta recepción que ten o teatro cine Elma como punto neurálxico e ata onde tamén se desprazará nestes días alumnado do CEP Salustiano Rey Eiras, do CEP Pilar Maestú Sierra, da E.E.I. Fernández Varela e das unitarias do Vilariño, A Granxa e A Angustia.
Hai tamén programada sesión de contacontos e foto que se lles entregará como obsequio aos centros para o recordo.
A dita acción atópase ao abeiro da axenda artellada para esta época dende a Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra).