Reforma integral da estrada entre O Camiño Ancho e A Figueira
Están en marcha as obras de mellora na estrada que comunica O Camiño Ancho e A Figueira. Trátase da segunda fase da reforma integral desta vía iniciada en 2015 coa dotación da rede de saneamento e asfaltado dun camiño de terra que se abrira recentemente, segundo apunta o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra).
Agora compleméntase coa rede de pluviais, co soterramento dos cables do alumeamento público, coa pavimentación e pintando as marcas da estrada, cun investimento de 47 442’19 euros, IVE incluído, por executar no prazo dun mes, tal e como anuncia a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra). A dita actuación atópase ao abeiro do POS+2022 e Construcciones Anspal S.L. resultou a empresa adxudicataria tras permanece-lo proxecto público na plataforma de contratación do Estado.
Con relación a isto último, o rexedor explica que se tramitou con máis axilidade ca outras intervencións adscritas a anteriores plans, pois agora a institución provincial permite o contrato menor sen o sometemento ao proceso de licitación.