A praza de abastos da Pobra participa novamente na campaña Quere o teu mercado
Un ano máis bota a anda-la campaña internacional Quere o teu mercado, á cal se suma novamente a praza de abastos da Pobra do Caramiñal. Esta iniciativa busca pór en valor o papel dos mercados municipais como axentes revitalizadores que lle ofrecen á clientela unha cesta da compra sinónimo de calidade con atención personalizada. Deste xeito, foméntase o consumo do produto de proximidade, o cal redunda na dinamización económica de cada municipio.
A este respecto, a concelleira da Promoción Económica en funcións, Charo Varela, anuncia que a Administración local colabora outro ano con esta campaña. Así, no 3 de xuño haberá na propia praza de abastos un showcooking a cargo do cociñeiro pobrense Jaime Chouza, aproveitando a afluencia de xente ao se tratar dun sábado. Desenvolverase dende as 11.30 ata as 13.00 horas e non require a inscrición previa.
A dita actividade enmárcase no programa que impulsa a Dirección Xeral de Comercio e Consumo co obxectivo de apoiar, promocionar e visibiliza-los mercados, os/as profesionais que traballan neles e a creación de novos negocios para a revitalización do sector do comercio.