En marcha o Programa de Turismo do Imserso na tempada 2023-2024
A Dirección Xeral do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) inicia a posta en marcha da tempada 2023-2024 do Programa de Turismo do Imserso.
Con relación a isto, o período de presentación de novas solicitudes de participación permanecerá aberto do 29 de xuño ao 25 de xullo de 2023, ámbolos días inclusive. Está dirixido exclusivamente a aquelas persoas que non estean incluídas no dito programa.
Habilítanse varios medios para a formalización deste trámite: de xeito telemático a través da sede electrónica do Imserso ou descargando a solicitude da súa páxina web para cubri-los datos e remiti-lo documento mediante o rexistro do Concello ou en sobre franqueado, non certificado, á dirección Programa de Turismo do Imserso, apartado de correos 10.140, 28080 Madrid.
Máis información no local dos Servizos Sociais e da Igualdade, situado fronte á casa consistorial, ou no Centro Sociocomunitario e de Benestar da Pobra do Caramiñal.