Un libro póstumo de José Ramiro Villoch Herrera rememora o pasado salgado da Pobra
Dicía Victoriano García Martí en La Vanguardia no 20 de agosto de 1958 que “podría decirse que si el Castelo fue la tradición, el Caramiñal, concretamente el Arenal barrio de los catalanes, fue el progreso.”
Este é un extracto do minucioso artigo sobre pobos costeiros galegos asinado polo xornalista e literato pobrense que José Ramiro Villoch Herrera incorporou á introdución da súa obra Tiempos de salazón y conserva en A Pobra do Caramiñal, libro póstumo do recoñecido médico e escritor local.
Trátase do froito dun arduo traballo de documentación e investigación que chega unha década despois de Tiempos de vela para centrarse no pasado da salgadura e da conserva na localidade, ademais das familias promotoras deste fenómeno económico, coñecidas como fomentadoras. Erixíronse así como precursoras das actuais flotas pesqueiras e fábricas e, en consecuencia, de parte da cadea mar-industria.
Rememórase, polo tanto, a importancia da salgadura e o seu estreito vínculo coa mariña mercante debido ás escasas comunicacións que existían por vía terrestre.
O alcalde e historiador, José Carlos Vidal; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; e Victoria Villoch, filla do falecido autor e doutor, participaron na tarde do 11 de agosto no acto de presentación que tivo lugar no Auditorio do Museo Valle-Inclán para dar a coñecer este completo volume que constata a paixón de Villoch pola historia local; un entusiasmo que traspasaba as follas. De feito, a casa onde viviu forma parte deses tempos da salgadura e amosou sempre un forte empeño por mante-lo almacén que quedou como vestixio do uso anterior do inmoble, pois protexe-lo patrimonio industrial pesqueiro é unha forma de preserva-la identidade do pobo.